Thursday 09 de May de 2024

Inés Rey: “Cómpre lembrar neste 215 aniversario a fonda pegada que tivo a Batalla de Elviña na historia da nosa cidade”


A alcaldesa presidiu o acto de imposición de Medallas de Ouro a Verónica Montes, Rubén Ventureira e Arturo Antonio Abad polos seus estudos sobre a historia da Coruña

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá a entrega das Medallas de Ouro da Batalla de Elviña, un dos actos previstos na conmemoración do 215 aniversario de dito feito histórico. O Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita acolleu este acto organizado pola Asociación Histórico Cultural Royal Green Jackets, que estivo representada polo seu presidente, Manuel Arenas Roca.

Os galardóns recoñecen o labor divulgativo da historia da cidade e fóronlles concedidos este ano a Rubén Ventureira Novo, xornalista e investigador, polos seus artigos publicados sobre a Batalla de Elviña; Verónica Montes Santiso, cronista, pola súa difusión da historia da cidade nas redes sociais; e Arturo Antonio Abad, escritor, investigador e técnico da Administración, pola súa cooperación con publicacións de estudos da cidade.
“Cómpre lembrar neste 215 aniversario a fonda pegada que tivo a Batalla de Elviña na historia da nosa cidade”, indicou Inés Rey durante a súa intervención. “A pegada da Coruña que viviu aquel enfrontamento entre británicos e franceses tamén é visible nos nosos recantos máis queridos, como ese xardín de San Carlos no que descansa Sir John Moore, xunto á emocionante poesía que lle dedicou Rosalía de Castro”, engadiu.

A rexedora felicitou os tres agraciados polo seu traballo para manter viva a historia da cidade. “Somos unha cidade con moito por contar, e aínda máis por vivir. Sempre cun reto que aceptamos e honraremos: estar á altura da nosa historia”, sinalou Inés Rey.